CABANAS

A PRAIA DA MADALENA E O OCIO ACTIVO
Praia da Madalena
43°25’05.1”N 8°10’18.8”W
Punto de partida
Campo do Oito s/n
43°24’51.8”N 8°09’57.5”W
Senda de Chamoso
43°25’15.6”N 8°10’37.2”WFerrol 13 Km
A Coruña 39 Km
Viveiro 79 Km
Santiago 82 Km

Un dos lugares máis concorridos de Cabanas, sobre todo no verán, é a praia da Madalena e o seu extenso piñeiral, con mesas e bancos para comer. É un areal de gran calidade, con augas tranquilas, area fina e algo máis dun quilómetro de lonxitude. Conta con moitas instalacións e servizos ao seu arredor (aseos, bares, restaurantes, paseo marítimo e parque infantil) que permiten que os visitantes pasen unha xornada agradable. Este lugar é especialmente interesante para as excursións escolares de principios ou final de curso ou para campamentos de verán. Pódese chegar en coche, en autobús ou en tren, xa que o apeadeiro está moi próximo á entrada do areal. O Concello de Cabanas, xunto con KDM Ocio Activo, organizan actividades sendeiristas e aventuras en kaiak para todos os públicos e grupos escolares coa fin de gozar e coñecer a zona dunha forma divertida.
Pódese explorar o litoral a través dunha ruta costeira que sae do areal, ascende polos cantís e chega ata a Punta da illa, unha lingua de terra que entra no mar e ten unhas vistas excepcionais da ría. Continuando por ese camiño chégase ata a praia de Chamoso e a desembocadura do río Castro. É un lugar con moita historia, xa que os romanos o utilizaban como porto. Tamén houbo, posteriormente, un muíño de mareas que funcionaba con enerxía producida pola acción do mar e do río. Outra ruta interesante é a que sae do Campo do Oito e chega ata as Fragas do Eume. O itinerario comeza antes da desembocadura do río, pasa pola parroquia de Irís -coñecida polo seu viño e pola Igrexa de San Esteban, do século XIX- e avanza pola beira do río ata o final do percorrido. O camiño é duns 6 quilómetros (ida) e é posible facelo a pé ou en kaiak.

A ficha
- Ruta de Natureza
- Materias relacionadas: Educación Física, Ciencias Naturais
- Idades: Primaria, ESO e Bacharelato (a praia), ESO e Bacharelato (as rutas)
- A duración é de mínimo dúas horas pero o habitual é estar toda a xornada
- Contactar co Concello para calquera dúbida (981 495 959) ou con Cabanas KDM (604 027 841)
