AS PONTES

Separador

CASA DO MEL E MUSEO ETNOGRÁFICO MONTE CAXADO

  • Casa do Mel:
    Estrada Pontedeume-As Pontes (AC-564), 5 Goente
    661 003 616 / 981 102 249

    Museo Etnográfico Monte Caxado:
    Praza da Igrexa, As Pontes. 670 509 697 / 698 148 890/ www.fundacionmemc.gal

  • Ferrol 27 Km
    A Coruña 54 Km
    Santiago 97 Km
    Viveiro 64 Km

A Casa do Mel propón como novidade deste ano as Apirrutas, coas que coñecer en profundidade o mundo das abellas. Hai dous itinerarios, un máis curto e outro de varias horas, máis apto para alumnado de maior idade. Son percorridos de sendeirismo pola zona de rehabilitación de Endesa onde se sitúan tres apiarios. Ambas finalizan cunha charla na aula de natureza, e son unha oportunidade xenial para que o alumnado coñezan de primeira man como se desenvolve a actividade apícola. É necesario e imprescindible reservar con antelación.

Ademais, seguen mantendo as visitas guiadas ás exposicións que alberga a casa-museo, onde tamén se realizan obradoiros de cera e catas de mel cos nenos e nenas.

Na praza da Igrexa do concello de As Pontes atópase o Museo Etnográfico Monte Caxado, no que actualmente hai arredor de 4.000 obxectos da colección que comezou en 1984 o mestre José López Ferro. Neste espazo repártense pezas como xogos populares, ferramentas ou útiles vencellados aos oficios tradicionais, a recreación dunha aula ou maletas, que rememoran a emigración. A través destes elementos preténdese recoller e promocionar o patrimonio etnográfico da comarca do
Eume, dándolle a coñecer a nenos e maiores a historia da zona.
En 2015 creouse a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, declarada de interese cultural e cuxo obxectivo principal é garantir a perdurabilidade da colección. Porén, Xosé María segue a ser un elemento vital neste proxecto, ocupándose de atender as visitas guiadas e de coidar os fondos do museo, que medran constantemente
grazas ás aportacións da veciñanza pontesa.

  • Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Bioloxía

  • Información Casa do Mel: O prezo depende do grupo pero a partir de 2€/ persoa, con guía. O horario é a convir polo grupo. É necesaria unha reserva previa chamando ao 661 003 616. Hai unha tenda de mel e produtos apícolas. Ten un aparcadoiro amplio. www.casadomel.es
    Información Museo Etnográfico: O prezo é gratuíto e con guía. En inverno abre de martes a xoves de 18.00 a 19.30 horas e os sábados, domingos e festivos, de 11.30 a 13.00 horas, aínda que os grupos poden concertar cita segundo as súas necesidades.
    A visita dura sobre unha hora e media, adaptable.

rutas por Ferrol

RUTA INDUSTRIAL

  • 43°27’18.7”N 7°52’11.9”W
    Concello das Pontes
    Tel. 981 453 116

  • Ferrol 27 Km
    A Coruña 54 Km
    Santiago 97 Km
    Viveiro 64 Km

No último século o concello das Pontes converteuse nun dos puntos de España con maior patrimonio industrial, e un dos referentes nesta tipoloxía de turismo. Neste ano 2021 o municipio entrou a formar parte da Rede Europea de Patrimonio Industrial (ERIH), único enclave da provincia da Coruña en ser integrado neste proxecto. O lignito pardo montés, descuberto no século XVIII, condicionou a historia da localidade. Tras varios intentos frustrados, nos anos 40 comezou a extracción a gran escala do carbón e o desenvolvemento da maior explotación a ceo aberto de España. Ao redor deste fenómeno levouse a cabo un proceso de industrialización da zona coa construción de centrais eléctricas, encoros e poboados de vivendas para o persoal, que a día de hoxe compoñen o patrimonio de As Pontes.

Para coñecer o patrimonio industrial da localidade pódese realizar un percorrido para coñecer os lugares máis emblemáticos. Un deles é o lago artificial. É un lugar idóneo para realizar xogos ou actividades de lecer en días de bo tempo, pois o lago, que en 2021 foi distinguido coa Bandeira Azul, conta con augas tranquilas cunha
temperatura media de 22 graos.

Ao redor do lago artificial das Pontes habilitouse unha ruta denominada “Senda da Memoria”. Trátase dun itinerario lineal de nove quilómetros de percorrido que ofrece ao visitante unhas vistas marabillosas da paisaxe, ademais dunha contorna idónea para relaxarse e dar un paseo a pé ou en bicicleta. Un traxecto no que se pode apreciar un ecosistema froito dunha colonización espontánea que alberga áreas de humidais, pasteiros, arboledas e matogueiras nos que habitan máis de 217 especies vexetais e 205 especies animais.

A senda conta cunha boa señalización, áreas de descanso e observatorio de aves; así coma paneis informativos nos que se recolle información do entorno, a fauna e a flora deste emprazamento

Outro dos elementos máis característicos é a Central Térmica de Endesa, cuxos puntos de maior impacto son a cúpula do parque de carbóns e a súa espectacular cheminea, que con 356 metros é a máis alta de Europa.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais

rutas por Ferrol

AS PONTES EN PEZAS E AS PONTES MISTERIOSA

  • Casa do Concello
    Parque Municipal, s/n
    Teléfono 608 201 251

  • Ferrol 27 Km
    A Coruña 54 Km
    Santiago 97 Km
    Viveiro 64 Km

En 2017 naceu As Pontes en Pezas, un proxecto artístico de transformación ambiental, onde a partir de diversas técnicas e estilos se contan historias características do pobo e a súa contorna, axudando a través do arte a rexenerar a vila.

Este museo ao aire libre distribúese pola zona urbana e conta con máis de 40 obras, elaboradas tanto por muralistas recoñecidos como por artistas locais e a propia veciñanza de As Pontes. Diferentes técnicas artísticas mestúranse neste percorrido, onde hai desde murais de gran tamaño, obras fotográficas, ou graffiti con fíos (yarn bombing), entre moitas outras técnicas.

Búscase promover a cooperación, a inclusión social e a convivencia, ao tempo que se estimula a creatividade artística. A finalidade da iniciativa é facer fincapé na importancia de construir un museo a ceo aberto, peza a peza, polo que pode ser unha ruta de gran interese para facer co alumnado, polos valores sociais e artísticos que transmite.

Outra das formas de coñecer o patrimonio da localidade é mediante a aplicación móbil de escape room que presentou este ano o concello: As Pontes Misteriosa. A ferramenta presenta un xogo autoguiado a través dunha ruta mapeada onde pistas e enigmas dirixen o percorrido por diferentes puntos da vila. Consta de 20 localizacións, nas que a resolución de cada enigma permite avanzar gañando puntos ata chegar ao misterio final.

Esta aplicación permite descubrir diferentes espazos e zonas emblemáticas do municipio ao tempo que mostra a súa historia. É unha actividade xenial para facer co alumnado, pois é unha fórmula orixinal e divertida de aprender á vez que se xoga.

Escape room e arte urbano
rutas por Ferrol