ARES
A PRAIA E A XUNQUEIRA
Praia de Ares
43°25’51.7”N 8°14’19.9”W- Tlfo. 981 468 102 (Concello de Ares)
www.concellodeares.com/playas.php Ferrol 17Km
A Coruña 47Km
Viveiro 84Km
Santiago 90Km
A area da praia, as árbores do Parque Rosalía de Castro, o mar tranquilo do interior da ría e unha xunqueira na que viven moitos parrulos. Ares ten moitos atractivos para achegarse a pasar unha xornada de convivencia e xogos con escolares de Infantil ou Primaria. O Concello dá todas as facilidades para que a excursión sexa un éxito, mesmo proporcionando abrigo en caso de choiva. E cómpre destacar que o areal de Ares conta con rampas que o fan facilmente accesible e que ten unha parte aberta aos cans.
A praia de Ares percorre toda a fachada marítima da vila, por diante dun PASEO PEONIL. É un areal moi tranquilo, sen ondas, ao que se pode acceder por escaleiras ou rampas. As PERSOAS CON MINUSVALÍAS teñen tamén moi preto unha ÁREA DE XOGOS INFANTÍS na que hai pouco se incorporaron randeeiras para nenos e nenas en cadeiras de rodas. Na mesma zona está o PARQUE ROSALÍA DE CASTRO, con moitas árbores que proporcionan boa sombra cando fai sol, e a PONTE DA CISCADA, unha construción do século XIV, reforzada no XVIII, que serve para salvar o río Xunqueira.
[/fusion_builder_column_inner][/fusion_builder_row_inner]
Precisamente pola ponte da Ciscada, en liña recta e cruzando polo paso de peóns ata o outro lado da estrada, atopamos a entrada ao PASEO DE MADEIRA construído para poder visitar toda a zona do xuncal. É un percorrido tranquilo, por pasarelas peonís e seguras, desde o que a cativada gozará descubrindo aos PARRULOS SALVAXES que alí habitan.
A visita pode completarse cunha viaxe por mar. Desde hai anos o BUQUE PESQUEIRO «PRESAS», que era o máis grande do porto local, é un recurso para o turismo. Neste caso é indispensable concertar cita chamando aos teléfonos
981 468 259 ou 652 140 894.
A ficha
- Ruta urbana /convivencia-xogos
- Materias relacionadas: Ciencias Naturais/ Ciencias Sociais/ Educación Física
- Idades: Infantil-Primaria
- Chamando ao Concello (tlfo. 981 468 102) podemos asegurarnos de que están abertos e limpos os servizos públicos que están xunto a praia ou ben acordar o uso do pavillón do colexio da vila para abrigarnos en caso de choiva.
- Ruta pola Xunqueira: pincha aquí
- Proxecto Vivir tocando o mar, en O Grove: pincha aquí
- Artes de pesca, na páxina Abalar da Xunta: pincha aquí
POLIDEPORTIVO NATURAL
Praia de Ares
43°25’38.3”N 8°14’31.7”W
Polas súas condicións, a localidade de Ares é un polideportivo natural. Durante todo o ano practícanse deportes náuticos nas súas augas, lonxe do perigo do mar aberto, e xogos de todo tipo na area da praia, accesible e chá, ideal para colocar a rede de voleibol ou marcar os límites dunha portería de fútbol.
Nos últimos anos moitos colexios elixiron a praia de Ares para organizarlles aos seus alumnos “BAUTISMOS NÁUTICOS». Alí, coa colaboración de diferentes clubs da localidade, póñense á súa disposición tablas de windsurf, paddle surf, kayaks ou embarcacións de vela, cos correspondentes monitores, de maneira que os rapaces poden ir probando diferentes actividades. Ao mesmo tempo adoitan organizar XOGOS DE ATLETISMO divertido na praia, de maneira que ninguén queda parado e a xornada aprovéitase ao máximo.
O Club Scuba, o Club Zona Norte de Windsurf, a escola de atletismo de Paula Mayobre, o Club Náutico e o Club Marítimo de Redes colaboran man a man nesta iniciativa.
A ficha
- Ruta de natureza/ convivencia-xogos
- Materias relacionadas: Educación Física
- Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
- Duración: preferiblemente unha xornada completa
- Prezo: arredor de nove euros por alumno
MOSTEIRO DE SANTA CATALINA
Cervás (San Pedro) Montefaro
43°27’02.9”N 8°16’55.9”WTlfo. 981 468 102 (Concello de Ares)
monasteriomontefaro.es
Ares ten un lugar privilexiado para gozar da vista sobre a ría de Ferrol. Trátase do mosteiro de Santa Catalina, tamén coñecido como MONTEFARO porque desde alí avisábase con fachos da entrada de invasores polo mar. É un lugar con moitos atractivos naturais e con moita historia! Nada mellor que coñecelo da man do voluntariado da ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO MOSTEIRO DE SANTA CATALINA, que colabora desinteresadamente co Concello e se presta a facer visitas guiadas para os grupos.
Coas explicacións destes voluntarios coñeceredes o seu pasado. Que antes do cenobio houbo xa un templo romano, ou que existiu alí un albergue templario… Andando o tempo, no século XIV, fundouse o mosteiro que chegou ata os nosos días e que rematou a súa vida relixiosa no 1937, coa desamortización de Mendizábal. Acolleu unha escola e despois foi un cuartel. No ano 2000 pasou ás mans do Concello de Ares.
De especial interese son a igrexa do mosteiro, co seu ALTAR BARROCO, a portada da sala capitular e uns FRESCOS DO SÉCULO XVI. A visita guiada dura aproximadamente unha hora, pero despois hai posibilidade de facer actividades e xogos na tranquilidade dos xardíns do mosteiro, cos seus claustros nos que poñerse a cuberto se é necesario.
Moi preto, apenas un quilómetro máis arriba, están unhas VELLAS BATERÍAS MILITARES que dan testemuña do valor defensivo que tivo esta zona. Hai túneles subterráneos, que se poden percorrer, polos que no seu momento se movían os canóns antiaéreos. Neste lugar será inevitable facer fotografías da excelente vista de toda a ría, cos CASTELOS DA PALMA E SAN FELIPE na entrada e a cidade e os guindastres dos seus estaleiros ao fondo.
Para rapaces maiores pode ser moi recomendable facer algunha das RUTAS SENDEIRISTAS que pasan por Montefaro.
A ficha
- Ruta patrimonial /convivencia-xogos /sendeirismo
- Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
- Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
- Duración: unha hora (a visita guiada).
- Gratuíto : solicitando a visita ao Concello de Ares
REDES
Porto de Redes. Rúa da Ribeira, 17, 15623 Ares
43°25’27.8”N 8°12’11.4”WAgrupación Instrutiva de Caamouco Tlf: 680 161 929
www.caamouco.net
O porto de Redes, na parroquia de Caamouco, é un rincón de Ares cheo de vida e de historia. A AGRUPACIÓN INSTRUTIVA DE CAAMOUCO leva anos brindándose aos colexios para acoller grupos e facerlles visitas guiadas ou mesmo ir ás aulas a contarlles como foi o pasado deste recuncho da península de Bezoucos.
Os voluntarios da entidade explican a través de historias con nome e apelidos como foi a EMIGRACIÓN dos homes de Redes a Cuba e como deixaron pegada, entre outras cosas, na súa arquitectura. Polas rúas descubriredes as CASAS CONSTRUÍDAS POLOS «INDIANOS», nun percorrido aderezado con anécdotas e aventuras daquelas xentes.
O traballo da PESCA ARTESANAL é, xunto coa emigración, outro polo de interese en Redes. Na Agrupación Instrutiva de Caamouco gardan fotografías da liña de cabrias que varias xeracións atrás cubría a fachada marítima e que lle deu nome ao pobo. A cabria é unha estrutura de madeira, colocada no mar, na que os barcos colgaban as súas redes a secar. A economía pesqueira tamén deixou pegada nas CONSTRUCIÓNS MARIÑEIRAS de Redes.
O percorrido ten un referente fundamental na antiga escola da Tenencia, na que ten a súa sede a Agrupación Instrutiva de Caamouco. É un edificio grande no que o grupo pode refuxiarse en caso de choiva e desde o que se fai o percorrido por rúas peonís case sen coches. No mesmo núcleo de Redes está a PRAIA DE AREA MORTA, na que os escolares poden xogar, e moi preto, un PARQUE DE XOGOS INFANTÍS cunha tirolina.
As CASAS DE REDES están literalmente pegadas ao mar. Desde moitas delas pódese saír directamente en barco, de aí que algúns lle chamen a “VENECIA GALEGA». É tan pintoresco que captou a atención do cine. Almodovar rodou aquí a súa última película, “Julieta”, e tamén unha serie da TVG, “Padre Casares”, levou á pequena pantalla as rúas e as casas de Redes.
A ficha
- Ruta urbana
- Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais
- Idades: Primaria-ESO-Bacharelato
- Duración: unhas dúas horas
- Gratuíto
- Portal do Concello de Fene, sobre a historia das escuelas de indianos e do contexto educativo da comarca: pincha aquí
- Proxecto interxeracional de Afundación sobre a emigración: pincha aquí