O arboreto de San Sadurniño ofrece unha fantástica oportunidade para dar unha clase de Ciencias Naturais ao aire libre. Que mellor recurso para coñecer as árbores autóctonas que velas todas xuntiñas nunha mesma finca? Ao pé do río Xuvia, nunha paisaxe espectacular, atopamos unha plantación na que se comezou a traballar no 2009. A idea era, e segue a ser, reproducir as sete formacións de bosque máis representativas de Galicia. Son o sobreiral, a fraga, o teixedal, o faial, o souto, a carballeira e o bosque de ribeira. Deste xeito, nun curto percorrido, os alumnos e alumnas poderán ver as árbores que constitúen cada unha destas paraxes.

Pero ademais, a carón deste minibosque hai tamén un montón de árbores froiteiras. Na mesma finca A Cortiña podemos ver unha horta feita en colaboración coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume. Nela atopamos as saborosas froitas das que podemos gozar na nosa comunidade. Hai árbores que dan cereixas, pexegos, mazás, peras e ameixas de moitas variedades.

Nenos no Arboreto de San Sadurniño

Os nenos e nenas gozan co contacto coa natureza

Ademais do arboreto e as froiteiras…

Por outra banda, todos estes espazos están salpicados de esculturas feitas en madeira polo artista Carlos García Romero, como o Guardián do bosque ou Pinocho.

E nin aquí acaba o interese didáctico desta zona de San Sadurniño, xa que tamén dispón dun apiario no que se mostra como traballan as abellas. Este está xestionado pola Asociación Galega de Apicultura e a través del pódese aprender o importante papel destes insectos na polinización.

Xardíns do Pazo da Marquesa

Todos estes recursos atópanse na beira do río Xuvia, co seu fermosísimo paseo, e moi preto dos xardíns do Pazo da Marquesa, un edificio nobre que na actualidade acolle a sede do Concello. Así, estes xardíns contan con árbores traídos das viaxes dos marqueses por Europa adiante e por eles paseou no seu día o propio Alfonso XIII. Daquela, a finais do século XIX, estaba de moda entre a nobreza, influenciada polos xardíns franceses, utilizar estes espazos para solaz das súas amizades. E na actualidade utilízanse como espazo de ocio onde tamén se celebran algunhas feiras. Unha visita a San Sadurniño non pode esquecelos no seu programa.

Hai máis información sobre esta interesante oferta de lecer na web http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/arboreto-de-san-sadurnino e na do Concello http://sansadurnino.gal/paisaxe/ . Na nosa páxina podedes ver esta e outras propostas para visitar San Sadurniño nunha excursión escolar.