A obra do escultor e pintor Francisco Leiro (Cambados, 1957) é impresionante en todos os sentidos, desde o tamaño ata a temática e a técnica. Agora hai a posibilidade de achegarse a ela da man de Afundación. A entidade e trae ao seu centro cultural de Ferrol a exposición «Os traballos e os días, Francisco Leiro».

A mostra inclúe nove esculturas en madeira e granito, entre as que están as súas famosas Recolectoras e o Fauno, ademais de cinco traballos en papel. Pero Afundación quere facer desta exposición algo especial para os escolares. Por este motivo programou tres visitas guiadas diferentes en función das idades do alumnado. Así, para os de Infantil e primeiros cursos de Primaria prepara «Os oídos máxicos de Francisco Leiro». Os de 4º de Primaria e primeiro ciclo da ESO poderán percorrer a mostra «As historias que os bosques galegos saben contar». Pola súa banda, os de segundo ciclo da ESO e Bacharelato coñecerán a «Francisco Leiro, escultor».

Ata o momento hai 85 estudantes apuntados a esta interesante iniciativa, que permite coñecer a un dos máis importantes escultores españois da actualidade. Así, Leiro ten importante obra pública en diferentes cidades, desde Vigo ata Madrid e tamén conta cunha representación en Ferrol. De feito, o «Guerreiro» que se agocha tras o seu escudo na praza de San Amaro saiu das mans do artista.

Cambados-Madrid-Nova Iorque

Na iniciativa participan, ademais de Afundación, Abanca e Arraianos Producións, xa que a obra exposta procede das coleccións destas institucións. Os traballos que agora se poden ver en Ferrol foron realizados por Francisco Leiro entre Cambados, Madrid e Nova Iorque.

Ademais, a mostra conta con material audiovisual procedente do documental «Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro». Nel ofrécese a través de fotografías e grabacións un percorrido polo proceso creativo do artista.

Nesta ligazón podedes ver unha noticia sobre a exposición http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/exposicion-desvela-proceso-creativo-leiro/20170316223758183659.html

O escultor Francisco Leiro

Imaxe do artista