Fene debuxa o Camiño Inglés a través de Viñetas do Camiño. Este é un proxecto do Concello de Fene que queremos salientar en DeExcursión porque a ruta do Camiño Inglés ao seu paso pola nosa comarca é unha das que recomendamos na revista. Colexios e institutos teñen protagonismo nesta iniciativa, que se pon en marcha no marco do programa da Xunta de Galicia «O Teu Xacobeo» e que xira tamén en torno ao imprescindible Museo do Humor.

A proposta de Viñetas do Camiño é poñer en valor este itinerario a través do debuxo. Para iso conta coa colaboración de máis dunha ducia de ilustradores do melloriño das nosas comarcas.

No que respecta aos centros educativos, os artistas impartirán unha serie de obradoiros entre o 20 de maio e o 10 de xuño. Serán no propio Museo do Humor e nos colexios e institutos. Neles o alumnado achegarase ás técnicas básicas do debuxo. Haberá tamén saídas didácticas para poñer en práctica o aprendido. Podedes obter máis información sobre estes obradoiros e os centros nos que se impartirán aquí.

Pola súa banda, os usuarios e usuarias do Centro de Formación Ocupacional de Aspaneps en Fene participarán tamén no proxecto. No seu caso realizarán un mosaico colectivo.

Outras actividades

Viñetas do Camiño completarase cunha serie de encontros cos ilustradores nos que contarán as súas experiencias. Prográmanse igualmente actividades de contacontos e música e unha Andaina Debuxada aberta. Esta consiste nun percorrido polo Camiño Inglés ao seu paso por Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume. Terá lugar a fin de semana do 12 e 13 de xuño con varias paradas nas que estarán debuxando os artistas. As súas obras e as que se seleccionen de entre as que realicen os e as camiñantes formarán parte dunha exposición dobre.  Por un lado de xeito virtual na web da iniciativa e por outro unha física en diferentes puntos do Camiño.

O proxecto no que Fene debuxa o Camiño Inglés é moi ilusionante e en DeExcursión estamos especialmente felices porque somos a axencia responsable da revista, a que se ocupa da súa difusión.

Animádevos a participar!