As Pontes é un polo industrial de gran importancia no noroeste peninsular. A localidade conta co maior complexo enerxético do país, contando a súa central térmica, o ciclo combinado, dúas centrais hidráulicas e unha instalación solar. E en parte ao abeiro da actividade de Endesa, a localidade pode presumir dun tecido industrial puxante, que o Concello está a explotar tamén desde o punto de vista turístico. Coñecer a industria por dentro é unha das propostas que fai o goberno local, en particular para grupos de estudantes, coa colaboración de diferentes empresas asentadas na localidade.
«As Pontes, experiencia industrial» é o título da proposta turística coa que o Concello de As Pontes quere dar a coñecer o seu rico patrimonio industrial. Unha das súas facetas é a da «Industria Viva». Os grupos escolares ou doutro tipo poden programar visitas a diferentes empresas. Así o fixo hai pouco o CEIP A Fraga, do mesmo municipio das Pontes, que organizou a visita dun grupo de nenos e nenas á fábrica de Acebrón Group, unha empresa líder na produción de pezas mecanizadas, con clientes en moitos lugares do mundo.
Os cativos tiveron así a oportunidade de coñecer a industria por dentro, achegándose ao proceso de transformación da materia prima. Os responsables da empresa mostráronlles como é o traballo de fabricar pezas para os parques eólicos, por exemplo, ou para os barcos. A propia empresa fíxose eco da visita na súa web –preme aquí para ver o post–
Os grupos escolares que teñan interés en coñecer a industria por dentro teñen moitas alternativas na localidade das Pontes. Na web do produto turístico «As Pontes, experiencia industrial» poden elixir entre moitas empresas. E os responsables de turismo do Concello das Pontes brindan todas as facilidades!