Traemos hoxe a este blog dúas antigas fotografías que colgan da parede no vestíbulo do Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Ferrol. Son instantáneas de senllas excursións a Caaveiro, parece que tomadas o mesmo ano de 1924 e correspondentes a grupos de alumnos (podería ser o mesmo?) do colexio Concepción Arenal, unha das moitas escolas de emigrantes fundadas na comarca de Ferrolterra. Este colexio estaba situado en Fene e, como se ve nas imaxes, os alumnos empregaban a lancha e tamén unha camioneta para achegarse ata o monasterio no corazón das Fragas do Eume.
Aínda que as excursións e saídas de estudios fixéronse desde moito antes, foi a finais do século XIX cando se recoñeceu o seu valor fundamental como recurso educativo. Pedagogos e docentes comezaron daquela a defender teoricamente o que xa se facía na práctica, saír da aula para aprender da realidade.
Parece que foi a Institución Libre de Enseñanza a institución que por primeira vez introduxo as excursións como recurso didáctico dentro do programa educativo. Así o explicou en 1880 un dos seus profesores, Manuel Bartolomé Cossío, nun Congreso Internacional de Enseñanza que se celebrou en Bruselas. As excursións, dixo o mestre, «mostran ao neno a vida universal en actividade na natureza, na sociedade, en todas partes e sempre formando escola no mundo enteiro, en lugar de formala nunha clase». As excursións se defendían tamén porque melloran a relación e o coñecemento dos alumnos por parte do profesor.
Desde aquela foron moitos os que defenderon o interese da excursión como recurso didáctico. A saída fóra da aula pasou ser un distintivo da escola nova, da escola progresista, alonxada do modelo verbalista imperante e do uso dogmático do libro de texto. A saída á realidade que está fóra da aula corresponde cun modelo de ensino máis intuitivo, máis experimental, máis construtivista… Hoxendía é un recurso non só aceptado de forma xeral, senón que as excursións e saídas ao contorno máis ou menos próximo ao centro están incluídas no deseño curricular de tódolos niveis educativos.
Os curiosos que queiran ver máis imaxes desta e outras escolas de Fene, a comezos do século XX, poden consultar a páxina web do proxecto Cóntanos. Nela volcouse a compilación de imaxes que recolleu a asociación cultural O Camiñante, coa colaboración das comunidades educativas dos CEIP Centieiras e o Ramo, entre outros, para facer un percorrido histórico polo municipio. Podedes acceder a través deste enlace.