O mosteiro de Santa Catalina, no municipio de Ares, é un lugar cheo de historia que cada vez está a recibir máis visitas escolares, en gran parte grazas ao labor desinteresado que desenvolve a Asociación de Amigos do Mosteiro, que sempre recibe de forma entusiasta aos grupos e lles fai un percorrido guiado. O conxunto está moi preto dun extraordinario mirador desde o que se domina toda a ría de Ferrol e no que, invariablemente, os visitantes rematan a excursión facendo fotografías.

No actual curso escolar xa pasaron por alí un grupo de alumnos do colexio ferrolán La Salle, que estiveron todo o día de convivencia aproveitando as excelentes condicións que ofrece o recinto, e máis recentemente outro do IES Ferrol Vello. Segundo contou un dos profesores deste último centro, a colaboración por parte da asociación foi estupenda, primeiro por parte da presidenta, Celsa, e logo por parte de Rogelio, ao que lle tocou facer de guia e narrar de forma amena a moi interesante historia do cenobio. Os rapaces, de segundo de ESO, ficaron sorprendidos por tódalas vidas que tuvo o conxunto, desde albergue templario ata cuartel militar, pasando por convento franciscano e ata escola parroquial.

O guia Rogelio mesmo acompañou ao grupo ata o mirador da Bailadora, onde os rapaces disfrutaron da vista sobre a ría e percorreron o que queda das antigas baterías defensivas, imaxinando onde iban os cañóns e as ametralladoras que dominaban e protexían a boca de entrada na ría.

Ao mosteiro de Santa Catalina, tamén coñecido como de Montefaro, chégase en autobús sen problema e unha vez alí hai sitio para facer xogos. Pódese comer baixo o claustro se chove, facer unha pequena ruta sendeirista e imaxinar como era a vida dos monxes ou dos soldados que o ocuparon, nun lugar sen tráfico e rodeado de natureza.

Para os que queren coñecer máis, aquí vos deixamos o vídeo que colgou o colexio CPI As Mirandas de Ares, no que se recollen as moitas actividades desenvolvidas alí durante unha xornada festiva coa que celebraron o remate do curso o ano pasado.

Podedes visitar, ademáis, a web da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina –http://monasteriomontefaro.es/