A mirada de sorpresa, case que de auténtica estupefacción, que o entrañable mestre Don Gregorio conseguiu provocar ao seu alumno Moncho na película “A lingua das bolboretas” (dirixida por José Luis Cuerda en 1999 e basada no relato homónimo de Manuel Rivas), é seguramente a mirada que todos os profesores cobizan poñer na cara dos seus pupilos. A promesa do espectáculo que ía chegar coa primavera -“o máis sorprendente que poida mirar ninguén”-, espertou no cativo un devezo de coñecer e situouno no mellor estado para a aprendizaxe, o da curiosidade.

Quizais é esta, “A lingua das bolboretas”, a película que mellor ilustra esta fascinación dos estudantes polo descubrimento do exterior, pola sorpresa que representa a aprendizaxe. Pero é certo que son moitos os traballos cinematográficos nos que os profesores poden atopar inspiración para conseguir infundir aos seus pupilos esa arela por coñecer. Neste artigo do portal Educación 3.0 -enlace- aparece un listado de longametraxes que poderían servir para o mesmo.

Este blog quere ser un lugar de intercambio de experiencias fóra da aula. O proxecto DeExcursión, que promove a axencia Pingota Comunicación, tenta ser algo máis cunha revista con rutas escolares e converterse nun espazo de diálogo, no que os profesores poidan aportar suxestións de mellora e compartir o resultado das súas saídas cos alumnos. Entre todos poderemos facer excursións máis divertidas e interesantes.

Dádenos conta das vosas actividades, con imaxes dos mellores momentos, para construír un blog vivo e divertido. Podédelo facer a través do formulario da sección de contacto desta web ou directamente ao correo electrónico deexcursion@deexcursion.net. Esperamos as vosas achegas!